Cando Don Carnal toma a Terra
Poderíamos afirmar (e seguro que todos estaríamos de acordo) que gozar, xogar, seguir ao corazón ou poñer paixón nas nosas vidas é un recurso estupendo para protexerse contra moitos dos males da nosa sociedade, como a depresión, a ansiedade ou incluso a demencia.
Cada ano, ao redor destas datas, Don Carnal apodérase da razón e da paso a unha tolemia colectiva que dura varios días. Para os ollos máis críticos son días de exceso e desatino. E en certo sentido así é, xa que o Entroido é unha celebración na que todo se admite baixo o amparo dun disfrace e unha máscara.
Sen embargo, e precisamente por esta razón, o Entroido é unha gran oportunidade para cultivar a felicidade. Como cando eramos nenos, calquera persoa pode transformarse naquilo que non é. Podemos ser reis e abolir dunha plumada as clases sociais, ou superheroes e estar moi por riba da propia realeza. Podemos ser deuses ou demos, vellos ou mozos. Podemos desempeñar calquera profesión, desde científicos até pallasos. E até podemos cambiar de sexo de xeito gratuíto e reversible e deixar voar a nosa imaxinación!!! E todo isto non o facemos co propósito de descargar toda a tensión, a frustración e a rabia acumuladas, senón coa saudable intención de cargar as pilas de alegría para unha tempada. E funciona, claro que funciona, aínda que acabemos esgotados.Para min, os mellores disfraces son aqueles que saen da fantasía propia de cada un, persoas que se visten, máis que disfrazarse, que interpretan un papel único e xenial. Todo vale: divertir, dar medo, sorprender, ridiculizar, actuar ou denunciar unha inxustiza social.
Aínda podo lembrar o Entroido tal e como o vivía o meu pai. Cando eu era pequena, apenas se achegaba a casa máis que para “recargar”. Semanas antes xa estaba deseñando o seu propio disfrace, co que ía saír todos os días e a súa cara trasnformábase soñando e fantaseando coa festa. Inventaba coplas e maneiras de pasalo ben cos demais. Xa moi velliño, no final da súa vida, durante o Entroido metía unhas barbas no bolsillo, que de vez en cando lucía en compañía dalguén… O meu pai estivo poseído por Don Carnal até o final dos seus días!
Durante o Entroido, eliximos un disfrace e interpretamos un papel, xogamos, cantamos, bailamos e facemos brincadeiras. Practicamos o inxeño, a memoria e o humor, que traducido a “psicologués” significa que realizamos adestramento cognitivo e integración social, sen deixar de lado o fenómeno lúdico e o consumo moderado de alcohol, aspectos de probada incidencia na prevención da depresión ou a demencia.
En calquera caso, o Entroido como terapia funciona. E con eficacia demostrada, xa que no fondo, os seus atributos son os mesmos que hai miles de anos, cando era un ritual para que a colleita fora boa ou para que os astros foran propicios. Así que: a disfrazarse, a enmascararse, a bailar e a divertirse. Non é difícil e os resultados están asegurados.
O malo e o sindrome postvacacional ….
do resto de acordo 🙂
Pero esta claro que liberar todas as responsabilidades (ainda que sea momentanemente) sempre é necesario.. é como baixarlle as revolucions o motor para que respire 🙂
Alégrame verte por aquí de novo.
Volver a traballar…, hai que volver. Hai momentos para cargar e hai momentos para descargar…
Feliz Entroido!
Magnifico escrito.
Gustoume especialmente iso de que hai un momento para traballar e outro para descansar.
Doutra banda, a vida agora é tan rápida, que durante o día podemos facer varios Carnavais á vez, e tamén cada semana. Que é senón o goce do fin de semana? É o teu tempo, é o teu lecer e nel gozas como queres. Si posche “o disfraz” de lector, podes acabar devorando un libro que che interesa. Si posche “o disfraz” de Play Boy, podes explorar todas as discotecas da cidade e bailar e ligar a tope. Si traduces “disfraz” por “afeccións” ou “intereses” as túas posibilidades son prácticamente infinitas e A quen non lle gusta abrir novos horizontes de experiencias? Así pois, VIVA DON CARNAL TODO O ANO!!!
A.
Gracias polos teus comentarios.
Si que é verdade que explorar todas as facetas e ter capacidade para gozar coa vida é unha fantástica maneira de incrementar o noso nivel de felicidade e de facer ximnasia mental. Grazas por lembrárnolo.
Un saúdo.