Un desastre de fillo
É moi frecuente ouvir a mamás e papás queixarse dos seus fillos: “Non fai nada en casa“, “Non está centrado“, “Se non estou encima, non estuda“, “Ten o seu cuarto feito un desastre“…
Todos os pais queremos axudar aos nosos fillos a alcanzar a súa independencia, a valerse por si mesmos, a tomar decisións e a facer un uso responsable da súa liberdade. Isto obríganos a proporcionar oportunidades para que aprendan actitudes responsables. Sen embargo, non sempre é tan fácil. Moitas veces é máis rápido ou máis cómodo facelo nós mesmos. Outras, cando lles pedimos que fagan algo, temos problemas incluso para conseguir que nos presten atención.
Aprender a ser responsables supón aceptar as consecuencias das nosas accións ou decisións, mirando máis alá de nós mesmos. Pero ninguén nace responsable. Na aprendizaxe da responsabilidade interveñen dous aspectos. O primeiro é a imitación do comportamento dos adultos. Neste sentido, a aprendizaxe da responsabilidade é similar a outras aprendizaxes e require tempo e esforzo (os nenos fan o que ven). O segundo é a aprobación social. Cada vez que un neno actúa responsablemente e obtén mostras de aprobación, recibe ao mesmo tempo unha inxección de autoconfianza e satisfacción que recompensa a súa conduta.
As oportunidades para aprender responsabilidade son moi variadas. O coidado persoal, as tarefas do fogar ou as tarefas escolares e extraescolares poden servir para exercitarse, coa vantaxe de que a responsabilidade adquirida nunha destas facetas vaise ir xeneralizando gradualmente as demais.
Outro recurso imprescindible para os pais é a paciencia. Encantaríanos que os “peques” fixeran as cousas ben á primeira, pero isto normalmente non ocorrirá e cometerán equivocacións, que serán de gran axuda no proceso de aprendizaxe, proporcionando valiosa información sobre os aspectos a mellorar.
Pero… como debemos facer as nosas peticións?
- En primeiro lugar, hai que explicarlles claramente que desexamos que fagan e comprobar que o entenderon ben. Deberemos facer a nosa petición unha soa vez e asegurarnos de que nos prestan atención. Do contrario, habituaranse a que se lles repitan as cousas varias veces.
- En segundo lugar, non debemos permitir que abandonen a tarefa até que estea rematada, porque poderíamos fomentar condutas caprichosas e impulsivas.
- E por último, debemos comprobar o grao de cumprimento e o modo en que foi realizada a tarefa. Podemos atopar que non o fixeran demasiado ben, pero é importante valorar os seus esforzos e manifestar a nosa confianza en que o conseguirán.
Sen embargo, non sempre é a carencia de oportunidades a causa da falta de responsabilidade. Hai nenos que non queren asumir as súas tarefas e desobedecen. Neste caso é conveniente mostrarlle que a súa conduta ten unhas consecuencias, iso si, con calma e sen crear tensións innecesarias.
A profesión de nai/pai non é certamente sinxela. Cómpre ter en conta todos estes aspectos, pero coincido en que a paciencia é un punto interesante.
Por suposto, predicar co exemplo, e que as consecuencias se cumpran para que non quede en entredito a labor materna/paterna.
Moi interesante a entrada, tomo nota!
Graciñas polas túas palabras, Ana Belén. Un pracer verte por aquí.
Onte mesmo unha persoa me comentaba que estaba cun neno de 3 anos e que o neno lle dicía que lle collera algo do chan. Ela dicíalle que debía collelo él. O neno agarrou un berrinche tremendo para saírse coa del. E ela con toda a paciencia agahouse e púxose a súa altura para dicirlle: “Dame igual que chores e que che ouzan na Coruña. Se queres o xoguete, terás que collelo ti”. É un bo exemplo de control dunha conduta caprichosa.
Saudiños.
Pois si, especialmente porque os berrinches non son fáciles de levar, sobretodo en público. Pero é a única maneira de que non “saian coa del@s”.
Parabéns novamente pola páxina, é un pracer seguirte cando consigo facer un oco.
Bicos
Ja, ja…. Que listos son e como nos sacan das nosas casillas!!! Veñen cun programa de fábrica fantástico. Se aprendéramos con esa facilidade os adultos…!!!
Moitas grazas polas túas intervencións.
Valorar os seus esforzos, siiiiiiiiiiiiii… Nesta cuestión Galicia pode ter un problema dada a súa forma de ser e de comportarse de moitos dos seus nacionais . Teño unha profesión que me permite contrastar diferentes culturas e actitudes ante diferentes aspectos da vida. Pois ben, cheguei á conclusión que, en Galicia, o eloxio, non sempre está ben visto. Bastantes persoas, cando elogias un aspecto delas, tómano como que “a estás chufando” e empezan a preguntarse que lles vas a pedir .-))) Hai que diferenciar o eloxio do peloteo. Elogiar é valorar algo, que uno reputa como certo e exprésao. O peloteo, en cambio, é valorar algo, que uno reputa como NON certo e en consecuencia, intentar enganar ao outro, facéndolle crer calquera cousa para o seu propio beneficio. Confeso que hei ter problemas ao outorgar eloxios en Galicia, non así en cambio noutras culturas ou nacións. Non digo que tod@s l@s galleg@s reaccionen da mesma xeito, digo que moitos deles, na miña experiencia, polo menos, reaccionan con desconfianza, cousa que non pasa noutras partes. De aí vén o meu comentario inicial.
Devandito isto estou totalmente de acordo co contido do escrito da autora.
A.
Saúdos e moitas grazas polas túas reflexións, que enriquecen este debate.
Valorar ás persoas cando o merecen é moi importante, máis alá das diferenzas culturais. Sempre é moito máis efectivo reforzar as condutas que desexamos que permanezan que “castigar” aquelas que queremos que desaparezan. O reforzo positivo agrada e o castigo desagrada. Unha cultura que educa a través do castigo probablemente consiga adultos que non se valoran adecuadamente, mentres que educar a través do reforzo, probablemente fomente adultos máis satisfeitos consigo mesmos.
Estas valoracións son moi útiles non só no entorno familiar, senón tamén a nivel escolar ou organizacional. Sentir que os demais valoran os nosos esforzos e logros é importante para todas as persoas.
Un pracer saudarte.