Reflexións con cheiro a cole
Aos pais preocúpanos que os nosos fillos non acaden o nivel de rendemento académico previsto para a súa idade. Preocúpannos as malas cualificacións, sobre todo se son masivas. Algúns suspensos poden ser normais e superables, pero a final de curso son outra cuestión.
Que factores inflúen nas cualificacións?
- Ambiente familiar: É recomendable un ambiente rico en estímulos e unha verdadeira implicación familiar na vida escolar, con tempos de dedicación “exclusiva” aos estudos.
- Autoestima: Se os rapaces senten que non poden acadar as metas que se propoñen, non as lograrán. Devolvámoslles unha imaxe positiva do que son e do que fan. Aceptemos os erros como parte do proceso de aprendizaxe.
- Atención: É preciso que conten cun lugar de estudo libre de distraccións. Desde pequenos podemos axudalos a centrar a atención durante períodos de tempo apropiados á súa idade.
- Lectoescritura: Debemos fomentar o amor pola lectura e a escritura desde pequeniños e ter os nosos propios momentos de lectura. Se observamos dificultades neste campo, é preciso atallalas canto antes.
- Motivación: O desinterese e a falta de motivación dos rapaces por todo o que cheira a cole ocasiona falta de esforzo e abandono das tarefas. Debemos fomentar a súa autonomía e a satisfacción polas metas conseguidas. Non esquezamos darlles unha imaxe positiva da escola, evitando comentarios sobre o “rollo” que é o cole ou o fastío de ir a clase.
- Memoria: Pódese exercitar con xogos e actividades divertidas. É fundamental que entendan o que estudan e que memoricen relacionando os novos coñecementos cos que xa adquiriron.
- Capacidade: Os nenos con dificultades de aprendizaxe ou baixa capacidade intelectual precisan atención especializada.
- Hábitos de estudo: Debemos proporcionarlles unhas técnicas de estudo que lles permitan aprender de xeito áxil e eficaz. É necesario habitualos a que se exerciten no traballo individual cada día.
Sinais de alerta
- Problemas de saúde: Unha pequena anemia pode ser a orixe dunha apatía. Unha perda auditiva ou un defecto na vista pódelles facer ir cada vez máis atrasados. Esteamos pendentes e non pasemos por alto as revisións de pediatría.
- Conflitos emocionais: A falta de estabilidade familiar aféctalles moitísimo, facendo que o seu rendemento baixe. Nestes períodos teñen a cabeza noutro sitio e reducen a súa atención na clase. Transmitámoslles seguridade falando con eles, se é necesario, para calmar as súas preocupacións.
- Problemas de relación: Non sentirse aceptado polos compañeiros ou non ter amigos pode facer que se retraian academicamente. E o mesmo pode pasar cos complexos (verse gordo, avergoñarse de levar unhas lentes ou unha ortodoncia…)
Medidas preventivas
Hai que actuar ante a aparición das primeiras dificultades e non pasar por alto as malas notas unha e outra vez sen buscar solucións. Só conseguiremos que a situación se cronifique.
Hai que concibir o curso como unha carreira de fondo. De nada serve o sprint final nos exames de xuño se non se conseguiron boas calificacións desde o inicio do curso.
Non debemos permitir que os nosos fillos se instalen no papel de perdedores. A pesar das malas notas, coidemos que non vexan o fracaso como algo esperado e normal. Ademais de medidas de reforzo, precisan moita comprensión e que lles transmitamos afán de superación.
Magnífico escrito unha vez máis. Nada nel ten desperdicio, pero eu vou priorizar dous aspectos do mesmo:
– Aceptar o erro como parte da aprendizaxe.
– Resaltar a importancia da lectoescritura.
Si aceptamos o primeiro,os fillos non terán medo a “crear” as súas propias solucións e si non acertan, cousa máis que normal, aceptarano sen traumas.
Si penalizamos o erro de forma drástica, os fillos limitaranse a aprender ou a memorizar o que se lles ensine e dificilmente lanzaranse a “crear”, por medo ao castigo.
Necesitamos “creadores”, necesitamos innovadores.
Si aprendes a ler correctamente terás ao teu alcance millóns de experiencias, ás veces reais, ás veces imaxinadas, e como mellor e máis rápidamente leas, máis coñecementos atesourarás.
Recordo que os domingos pola mañá, chamabamos, a miña esposa e eu, a cada un dos nosos fillos, aínda moi pequenos, metiámolos na nosa cama e explicabámoslles os debuxos de Asterix. Rían e rían sen parar. Cando por fin empezaron a ler e déronse conta que o que lían coincidía co que lles explicabamos, o seu gozo foi infinito.
Xa non nos necesitaban para experimentar a inmensa alegría de “facer falar” aos seus personaxes favoritos!!!!.
Logo veu a seguinte fase, ou sexa escribir o que sentían ou querían dicir. Ahi só se nos ocorreu facerlles caso e ir corrixindo e enriquecendo o seu léxico.
Con ese bagaje, entenderán mellor o que os demais quéiranlles dicir e saberán transmitir, ata con tenrura e sen ferir sentimentos, o que queiran expresar.
O escrito dá moito máis de si, pero entendo que tampouco podo abusar deste espazo.
Queixume, en todo caso, non coñecer entón o escrito que agora a psicóloga fainos chegar, dado que, con seguridade, aproveitámolo para mellorar a educación dos nosos fillos.
Felicidades Ermi.
A.
Moitas grazas pola túa participación. Sempre é moi interesante e moi benvida. Non teñas medo de escribir, as diferentes aportacións enriquecen este blog.
Estou de acordo contigo en que este tema, como tantos outros, dan para escribir libros enteiros. A idea coa que comecei este post non era outra que realizar un esquema que axudase a previr problemas na escola.
Gústanme os puntos que resaltas e paréceme magnífica a idea de ler comic cos nenos que non saben ler… Da moitísimo xogo. Ademais, esta idea desbarata aquela outra de que ler comic entorpece a aprendizaxe da lectura, tan arraigada cando eu era pequena.
Os nenos necesitan pais que exerzan coma tal. Pode que necesitemos axudar aos nosos fillos en certos momentos, proporcionando técnicas de estudo ou axudando naquel punto que ofrece unha maior dificultade, pero a nosa labor non é a de ser mestres. O noso cometido con respecto aos estudos é conseguir que os nosos fillos alcancen un nivel de autonomía que lles permita saír adiante por si mesmos. Estudar é o seu traballo, non o noso.
Un saúdo e, de novo, moitas grazas pola túa interesante aportación.